Monday 29 de April de 2024

O Concello aposta pola economía social e colaborativa co proxecto piloto “Colabora”


As concelleiras de Desenvolvemento Económico e de Políticas Sociais, Marta Lois e Concha Fernández, presentaron o primeiro proxecto que se organiza dende o Concello de Santiago para fomentar a economía colaborativa, o proxecto Colabora. As concelleiras estiveron acompañadas pola coordinadora do programa, Chus Prol, e un dos usuarios do mesmo, Iago Raposo.

O proxecto Colabora enmárcase dentro do novo programa de dinamización económica Compostela Móvese, que naceu en outubro do ano pasado co obxectivo de apoiar un novo modelo de desenvolvemento local, endóxeno, cooperativo e asentado na identidade e na historia de Santiago. Precisamente, unha das principais liñas de traballo de Compostela Móvese é o fomento da economía colaborativa, como piar básico dun novo modelo económico máis social e sostible.

Colabora comezou a principios de novembro, coa creación dun grupo de quince persoas seleccionadas a partires de varias dinámicas de grupo orientadas a detección de valores colectivos, como a cohesión e a colaboración. Este grupo comezou a traballar con diferentes profesionais dende unha perspectiva multidisciplinar, unindo psicoloxía, coaching e consultoría, co fin de mellorar a empregabilidade dos participantes a través de novos modelos.

O programa estrutúrase en catro eixos fundamentais: traballo individual e grupal de autocoñecemento; traballo colaborativo, con sesións grupais e reunións de traballo; acompañamentos individuais, que permiten que cada participante recibise o asesoramento persoalizado dos expertos; formación á demanda, onde ten gran importancia descubrir os coñecementos das persoas participantes para que os podan compartir entre eles.

O equipo traballou ata o de agora na creación da súa identidade e na identificación dos seus valores. Fixeron networking e resolveron necesidades inmediatas, como a conciliación familiar. Definiron as necesidades formativas de cada un deles. Melloraron a súa visibilidade individual e a súa competencia dixital. Identificaron as tarefas a levar a cabo individualmente para un óptimo funcionamento do grupo e tomaron decisións para levar a cabo un proxecto común.

Actualmente están facendo traballo creativo para realizar un vídeo de carácter reivindicativo e están dando os primeiros pasos para a realización dun evento. Ambas accións participan da xeración de proxectos colaborativos, algo que demanda e absorbe o actual mercado laboral e que precisa de competencias transversais e específicas. Precisamente, o obxectivo deste novo modelo formativo que impulsa este programa piloto é poñer o foco neste punto: que sexan os propios participantes os que poñan os seus coñecementos e habilidades ao servizo do grupo, descubrindo así as múltiples posibilidades que teñen en conxunto.